O Proxecto

APRENDE A COMER E CORRE 1 KM DIARIO

O presente proxecto pretende mellorar os hábitos alimentarios de toda a comunidade educativa, potenciar estilos de vida activa e a utilización de parámetros de vida saudable.
Está máis que demostrado que a adolescencia é unha etapa apaixonante na que os nenos e as nenas aprenden sobre si mesmos e sobre o mundo que os rodea. É nesta etapa cando comezan a desenvolver os hábitos que sentarán as bases do seu futuro comportamento e que lles afectarán durante toda a súa vida.
Educar os nenos/-as e os adolescentes en Hábitos Saudables, desde unha idade temperá, resultará a medida preventiva máis eficaz para mellorar a súa saúde ao longo de toda a súa vida. Establecendo rutinas saudables, ensinándolles a coñecer as propiedades, calidades e beneficios dos alimentos, estaremos investindo en saúde.
A infancia e a adolescencia son as etapas da vida claves para a asimilación destes costumes, especialmente para a introdución de  bos hábitos de alimentación e da necesidade de incorporar no seu día a día a actividade física, xa que é nestas etapas cando eles e elas son máis receptivos e poden asimilar máis facilmente os correctos hábitos, que máis tarde serán difíciles de introducir ou corrixir.
Na sociedade na que vivimos, unha porcentaxe cada vez máis elevada de nenos/-as, adolescentes e adultos/-as vive soportando un peso excesivo para as súas características persoais. Esta porcentaxe vólvese máis significativa cando constatamos que son moitos os nenos/-as que son obesos/-as antes de comezar o colexio. Os expertos atribúen este feito, principalmente, á mala alimentación e á vida sedentaria que levan.
Dado que a realización de actividade física diaria está recomendada por todas as autoridades que velan pola saúde, porque a consideran o complemento perfecto para levar a cabo un verdadeiro programa de Hábitos de vida saudable, propoñemos a realización de 1 km diario por parte de todo o alumnado, profesorado e persoal non docente do centro. Actividade que acompañará os almorzos saudables, que realizarán no centro, e os vídeos educativos- elaborados por eles e elas-  nos que amosarán  que se pode gozar, aínda máis, comendo dun xeito saudable.

O proxecto, 1Km diario, nace seguindo a idea orixinada en Escocia, "Unha milla diaria", comezada por unha profesora que, tras observar os seus alumnos e alumnas e ver " que estaban pouco en forma", contemplou as zonas que rodeaban o centro e pensou como levala a cabo. Dita profesora, Elaine Wyllie, decidiu pasar a acción: " Imos todos á rúa", díxolle ao seu alumnado. Levounos ao parque do lado, o que levaba anos mirando polas ventás da clase, e propúxolles que o rodearan correndo. Unha volta ao parque era un cuarto de milla, tiñan 10 anos e ninguén puido completar o percorrido, acabaron exhaustos. Exhaustos, pero alegres e contentos. Ao día seguinte repetiron a proba. Ao seguinte, tamén. Nun mes estaban transformados. Todos e todas podían correr unha milla ( 1.6 Km), que supoñía dar catro voltas ao parque. Despois de tres meses xa se sumaran ao proxecto cinco clases máis. E ao acabar o curso todo o colexio participaba na milla diaria.

Seguindo esta idea, animarémolos e animarémolas a correr, aínda que tamén poden ir andando, saltando....en fin,  movéndose como eles e elas queiran. A clave está en facelos e facelas vivir movéndose.  Sentir o aire, a liberdade, os momentos de compartir cos seus e súas compañeiros e compañeiras uns momentos inesquecibles, no lugar no que pasan moitas horas da súa vida, o centro educativo. Todos e todas saberán que facer  "exercicio" (físico e mental ) non precisa de roupa axeitada, nin horario predeterminado ( aínda que nós teremos que aproveitar os recreos), porque pode facerse onde ti queiras e a calquera hora. E o máis importante é que todos e todas participan e todos e todas gañan.  O deporte non é competitivo, é SAÚDE